Rede Unayta: un arquivo viaxeiro
A nosa colaboradora no Concello de Val do Dubra, María Maceira Rodríguez, achéganos aos avatares históricos do arquivo dubrés.
A Rede Unayta segue a espallar a metodoloxía da Oficina Sen Papel (OSP) por moitos concellos e entidades de toda Galicia. Desde o equipo de Unayta queremos que estas entidades se sintan recoñecidas por ter depositado a súa confianza na nosa compañía. É por iso que estamos a recadar da nosa rede de colaboradores algunhas anécdotas e historias que ilustran o interese común polo servizo que os arquivos municipais prestan á comunidade.
Un arquivo viaxeiro
Os arquivos municipais estiveron no pasado, e aínda hoxe, sometidos a moitas e diferentes vicisitudes, co seu destino unido aos concellos do que gardan a memoria documental. O Arquivo Municipal do Val do Dubra non é unha excepción, de feito podemos dicir que foi un arquivo moi viaxeiro. Segundo o Censo-guía de Archivos de España e Iberoamérica (Ministerio de Cultura y Deportes), foi fundado no 1851, case dúas décadas despois de que se creara no 1835 o Concello de Buxán (Buján oficialmente), nome tomado dunha das dúas xurisdicións que ocupaban xeograficamente as actuais terras do concello de Val do Dubra (ata o ano 1960 non se cambiaría o nome do concello á súa denominación moderna, quedando Buxán só como parroquia).
A pesar da diferenza en anos entre a creación oficial do Concello e o seu arquivo, podemos pensar que a documentación xa se empezaría a producir dende o primeiro momento, aínda que non teñamos información ao respecto. Unha vez constituído o Concello, foi trasladándose de sede en sede, e con el os fondos do arquivo, pasando a situarse a principios do século XX en Bembibre, aínda que non na actual localización, senón na zona de Corredoira. Alí estivo poucos anos, xa que nos anos 20, e por un corto período de tempo, era trasladado a Casal, na parroquia de Niveiro, volvendo no 1924 a Bembibre. Pero tampouco nesta ocasión ía quedar alí, aínda faltaba outra viaxe máis ata o lugar de Taboada durante a II República, para retornar de forma definitiva a Bembibre en 1958, onde o arquivo quedou depositado na actual Casa Consistorial. Despois de tantas viaxes chegou a estabilidade, pero non definitiva, posto que o crecente volume dos fondos provocou que se repartiran entre dúas sedes, a parte máis antiga na Casa de Cultura e os documentos de máis recente produción ou consulta, no propio Concello, onde tamén pasou por unha reforma recente, na década pasada.
Como se pode ver, o adxectivo de viaxeiro acaelle ben a este Arquivo municipal, e como se di habitualmente, nas mudanzas sempre se perde algo, sen esquecer os numerosos problemas de conservación que poden xurdir cando as condicións dos locais de depósito non son os adecuados (humidades e fungos, perigos de inundacións ou lumes, roedores, etc. son problemáticas que moitos arquivos sufriron ao longo da súa historia). Por todas estas razóns relacionadas coa conservación da documentación e outras (a súa posta en valor e difusión, a mellora no acceso e consulta dos fondos, etc.) é tan importante o traballo de organización, descrición e inventariado dos fondos dos arquivos. Non debemos esquecer que toda a documentación dun arquivo municipal, non só a antiga, ten un importante valor histórico e cultural, posto que é a testemuña máis achegada á realidade social, económica, cultural… do concello. E dentro deste traballo son fundamentais as novas tecnoloxías, como a informatización ou dixitalización dos fondos, que nos permiten un acceso rápido e eficaz aos mesmos.
No Arquivo do Val do Dubra xa podemos comprobar a importancia da organización e inventariado dos seus fondos en tempos máis lonxanos. No 1934 elaborábase un “Inventario General del Archivo Municipal. Ayuntamiento de Buján”, que nos permite saber ata que punto se conservaron os documentos durante eses primeiros traslados da documentación, aínda que non podemos saber cal era o seu grao de conservación. O listado de expedientes xa nos indicaba que se conservaban algunhas series documentais dende os primeiros anos da súa existencia, como por exemplo os Repartimentos de rústica dende o 1852 ou os Libros de Actas de Sesións a partir do 1854. Non se conservaban moitas series con documentación do S. XIX, ás anteditas podemos unir Repartimentos veciñais a partir de 1871, Contribución industrial dende 1881, Libros de contabilidade dende 1886 e Presupostos do 1883 en diante.
Unayta en Val do Dubra
Aínda que se fixeron inventarios e rexistros documentais posteriores, aínda hoxe pode resultar complicado acceder a expedientes concretos, por isto é tan importante o traballo que Unayta está realizando actualmente no Arquivo Municipal de Val do Dubra, coa organización e descrición dos fondos e, por suposto, coa súa informatización, que se converte na mellor aliada tanto do persoal do concello como de todas aquelas persoas que desexan consultar os documentos depositados. Comezamos pola documentación máis recente de consulta máis frecuente, pero sen dúbida sería importante continuar no futuro con esa documentación máis antiga, que tanta información nos pode ofrecer sobre os dubreses e que é patrimonio cultural de todos e todas.