UNAYTA e o CENTRO DE INTERPRETACIÓN AMINA no Concello das Pontes de García Rodríguez. Como manter viva a nosa historia.
UNAYTA, dentro das súas competencias profesionais de coidado e conservación do patrimonio cultural, colabora nesta ocasión cun museo moi particular. Trátase do Centro de Interpretación AMINA, ubicado no Concello das Pontes.
En ocasións hai lugares que, por circunstancias que escapan á vontade, ven dalguna maneira alterado o devir da súa historia.
A vila das Pontes de García Rodríguez é, sen dúbida, un destes lugares. E a circunstancia que marcou profundamente o seu desenvolvemento foi o xacemento de lignito que se agochaba en parte do seu territorio.
A primeira referencia escrita ao carbón das Pontes da que se ten coñecemento é do século XVIII e ven da man do ilustrado José Cornide y Saavedra nun documento que presenta á Sociedade de Amigos do París de Santiago de Compostela, no que menciona “unha vena de carbón de pedra”.
Pese ao coñecemento desta circunstancia a vila das Pontes continuou a ser un territorio eminentemente agrícola ata os anos 40 do século XX. Neste momento é cando a súa traxectoria cambia radicalmente.
Chegados a este punto a Empresa Nacional Calvo Sotelo comeza as labores para explotar o xacemento de lignito das Pontes seguindo o “Plan nacional para o aproveitamento racional e económico das lousas e lignitos nacionais con vistas á produción de carburantes, lubricantes e
industrias conexas”.
As consecuencias inmediatas disto foron a instalación no municipio dunha central térmica de 32 MW, dunha fábrica de fertilizantes e a construción dun encoro e unha central hidroeléctrica na Ribeira.
Para a realización de todas estas labores foi necesaria a contratación dun número moi importante de man de obra, o que incrementou de xeito exponencial a poboación do municipio. Tanto foi así que a empresa veuse na necesidade de construír vivenda para dar acollida a todo este persoal e
as súas familias.
De aquí en diante o destino da vila pontesa queda indefectiblemente ligado á mina de lignito. É a principios dos anos 70 cando a explotación pasa a mans de Endesa que, coa construción da central térmica que funcionou ata 2023, da o impulso definitivo á produción eléctrica no municipio das Pontes.
Dende os anos 40, e de xeito paulatino, cada vez máis habitantes da vila foron enfocando a súa carreira profesional nesta dirección, de forma que un número moi importante da súa poboación activa pasou a vivir directamente da central térmica e da explotación mineira.
O xacemento de lignito fixo que este municipio, que de non ter contado co carbón se adicaría principalmente ao sector primario durante moitas décadas máis, se adaptara nun período de tempo certamente curto a ser un concello primordialmente industrial, o que cambiou de xeito substancial a economía da súa poboación. Non só polo volumen de traballo que xerou, tamén por certos beneficios sociais que as persoas que traballaban na central térmica e na mina podían aproveitar. Seguramente o máis reseñable pode ser o feito de que a empresa pagase estudos superiores ás familias do seu persoal, de forma que familias humildes que así o quixeron, contaron coa posibilidade de mandar fora ás súas fillas e fillos a cursar estudos universitarios que lles proporcionarían una titulación superior.
Como é evidente, a mina de carbón non só trouxo con ela luces, senón tamén moitas sombras. Algunhas delas son as expropiacións de terreos coas que algunas persoas propietarias non estaban de acordo, a devastación orográfica á que durante moitas décadas se viu sometida a vila, a contaminación inherente á produción eléctrica que se leva a cabo na central térmica, as condicións de traballo duras e difíciles sobre todo para a man de obra considerada de menor rango…etc.
Ben é certo que unha destan cuestión (a relativa á devastación orográfica) tívose en conta dende xa case o primeiro momento, e na década dos 80 proxéctase a rehabilitación de toda a superficie da mina e da entulleira que albergaba os estériles extraídos. Froito desta previsión decídese apartar unha enorme cantidade de manto vexetal con intención de cubrir con el a última capa de esteril depositada na entulleira unha vez rematada a actividade mineira definitivamente, para poder despois botar sobre el as sementes que voltarían cubrir o terreo da vexetación que algún día tivo.
En canto ao oco da mina, decídese que a mellor solución é enchelo de auga nunhas condicións específicas para que a calidade das mesmas sexa axeitada para albergar vida animal e vexetal e para que a poboación pontesa, que durante tantas décadas tivo que convivir con esa gran cicatriz no seu territorio, poida hoxe desfrutar dunha contorna rehabilitada e que ademais ofrece un espazo lúdico difícil de imaxinar vendo a base da que partía.
O oco da mina é hoxe un gran lago con 18 km de perímetro e a entulleira un extenso espazo rehabilitado onde a natureza e a vida abren camiño.
UNAYTA no Centro de Interpretación AMINA
Toda esta historia recente tan ben coñecida polas xeracións pontesas que a viviron de primeira man, resulta certamente interesante cando se observa polo miúdo, e pode valorarse a importancia da mesma no marco do desenvolvemento industrial de Galicia. Resulta de vital importancia documentala, con toda a tarefa que implica de recollida de información, nun formato moderno que permita a conservación indefinida dos fondos documentáis. E tan importante como isto resulta poñela en valor, darlle soporte e facer que toda esta información sexa accesible ao público xeral.
Con este fin, o Concello das Pontes da man da Asociación Cultural Hume decide poñer en marcha o Centro de Interpretación AMINA. Un espazo expositivo singular que da acollida a todo este coñecemento.
Manter operativo este espazo é a importante tafera que UNAYTA está a desenvolver no museo AMINA, conservando e achegando toda esta riqueza histórica e cultural, tanto ás persoas que non a viviron de primeira man, como ás xeracións máis novas, xa que dar a coñecer esta historia a canta máis xente mellor, tamén resulta fundamental para a súa conservación e pervivencia no tempo e para comprender o que nos fixo chegar onde estamos hoxe.
En definitiva, darlle á historia o espaço físico que merece e que permite o seu libre acceso a tódalas persoas é o paso último para mantela viva.
Redactado por Xela Rodriguez Lopez