Museo Etnográfico de A Capela: poñendo en valor a cultura tradicional

Museo-Etnográfico-da-Capela-unayta

“O futuro e o presente constrúense sobre o pasado”

Esta máxima defendida polo Museo Etnográfico de A Capela non é nova para as xentes que fixeron posible que neste pequeno concello da Comarca do Eume exista unha Rede de Museos que ten como eixe central o Etnográfico da Casa do Pazo, completado polo Parque Etnográfico do Sesín, sen esquecer o Museo da Escola de Guitiriz.

Como diciamos, isto vén de lonxe porque xa nos anos 80, cando nos colexios se estudaba a EXB, no da Capela (CEIP  Mosteiro de Caaveiro), uns mestres e mestras moi comprometidas coa ensinanza e coa cultura galega, pensaban que os seus alumnos e alumnas, ademais de estudar a “educación reglada”, debían comezar por coñecer o seu entorno, a súa historia e a súa cultura, que se converterían nun dos alicerces da súa formación educativa. Entre as moitas iniciativas que neste senso, foron tomando ao longo dos anos, xurdiu unha que acabaría converténdose, sen que ninguén o esperara nun principio, no Museo Etnográfico de A Capela. Tratábase dunha exposición sobre o libro no día das letras galegas do 1981, que se quixo ambientar con obxectos propios da nosa cultura, en concreto do rural, recuperados de faiados, alpendres, etc., “cacharros vellos”, algúns coñecidos, pero outros xa en desuso, esquecidos, porque a sociedade rural xa estaba modernizándose, cambiando de costumes, de xeitos de vida, asimilándose cada vez máis aos núcleos urbanos aos que os veciños e veciñas remataban indo  traballar e estudar.

Escola-de-Guitriz-unayta

A recollida e exposición destes obxectos foi tan exitosa, e tiñan tanto que contar, xa que a través deles se podían coñecer multitude de vivencias nas casas rurais tradicionais dos nosos antergos, que a experiencia continuou no Colexio coa recollida de máis pezas e a investigación por parte dos alumnos das súas denominacións, usos, etc.

______________________________________________________________________________________________________________________________________

Tamén te podería interesar:

⭐ Colaborando na transformación dixital do sector pesqueiro.

 Historias da toponimia do Val do Dubra.

______________________________________________________________________________________________________________________________________

Finalmente, a colección, por diversos motivos tivo que saír do colexio, e foi así como naceu a Asociación Patronato do Museo Etnográfico de A Capela no ano 2001 e xa no 2006 se inaugurou o Museo Etnográfico de A Capela na súa nova sede da Casa do Pazo, a antiga casa reitoral. E alí continuou o traballo con unha exposición en aumento, moi coidada, onde se recrea a vida no rural do século pasado, como eran as casas e as súas construcións anexas (a cociña e o cuarto, os alpendres e hórreos, etc.), os traballos da casa (a labranza das terras, as mallas, os tecidos, a matanza, o soutelo), os oficios tradicionais (xastres e costureiras, latoeiros e cantorleiros, zapateiros e zoqueiros, carpinteiros varios, carboeiros, barbeiros, etc.), ou como eran aquelas tascas onde se reunían e compraban os veciños e veciñas. Ademais podemos ver como era unha antiga escola unitaria no Museo da Escola de Guitriz.

A través de todos eses obxectos que imos atopando no noso percorrido pola rede de museos, imos construíndo ese pasado do que vimos e que a Asociación pretende descubrir, recuperar, difundir, por en valor. Falamos de todo un patrimonio cultural (material e inmaterial) herdado dos nosos antergos, en risco de perderse, e que finalmente configurou a nosa identidade, e que ben nos poden servir de base para reflexionar sobre onde imos.

unayta-catalogacion-fondos-museo-etnografico-capela

Dende o Museo trabállase con estes obxectivos e para conseguilos un dos seus maiores anceios é a participación da xente, de todas as idades e de calquer lugar, para que convertan estas pezas de museo en algo vivo, e así se consegue coas diversas actividades que se realizan, como a Feira Etnográfica, onde se reviven aquelas feiras rurais de sempre, ou o Tal como eramos, unha recreación teatralizada da vida dos veciños da Capela aló polos anos 40, onde a propia xente da Capela e arredores participa dando vida aos personaxes, e algunhas das pezas do museo reviven nas súas mans, voltando ao uso para o que foron creadas e facendo acopio de novas historias para contar cando volten ao Museo.

UNAYTA no Museo Etnográfico de A Capela

Unayta participa este ano nesta extraordinaria experiencia museística cun dos traballos máis importantes dun museo, o rexistro e inventariado dos seus fondos. Como diciamos cada peza ten  unha historia que contarnos, un nome, unhas características, unha época, unha orixe, que é necesario investigar e conservar. Toda esta información é esencial e recóllese no inventario do Museo Etnográfico e o da Escola, co fin de preservala e transmitila. Ademáis permite o control e conservación dos fondos, xa que neste caso a modernidade é unha importante vantaxe ao contar coas bases de datos informatizadas, de fácil e rápida consulta.

Trátase dun traballo constante, porque aquela primeira recollida de pezas dos nenos e nenas do Colexio Mosteiro de Caaveiro non chegou a deterse nunca, e aínda nas datas actuais hai doazóns de xente que desexa que esta experiencia siga viva, que a través destas pezas e do seu inventariado, sigamos recuperando un pouco desa memoria, ás veces esquecida polos máis maiores (e por iso tamén moi emocionante á hora de recordar) e descoñecida para os máis novos, que teñen todo un mundo por descubrir, moitas preguntas por responder. E para responder esas preguntas estamos colaborando coa Asociación “Patronato Museo Etnográfico de A Capela”.

 

Autora: María Maceira Rodríguez

Síguenos nas nosas redes sociais: LinkedIn, Twitter e Facebook.