Rede Unayta: o desafío de poñer en valor un arquivo municipal

[no_toc]

A Rede Unayta está a espallar a nosa metodoloxía da Oficina Sen Papel (OSP) en moitos concellos e entidades de toda Galicia, a través de diversos proxectos de organización documental e dixitalización. Desde o equipo de Unayta queremos que esta experiencia sexa o máis produtiva e interesante para todas. Como é lóxico, desexamos que as entidades nas que traballamos aprecien o noso labor, mais tamén que se sintan recoñecidas por ter depositado a súa confianza en Unayta. É por iso que estamos a recadar a colaboración das persoas que integran esta rede para compartirmos algunhas historias que poidan ilustrar o noso interese común polo servizo que estas unidades de documentación prestan á comunidade.

Nesta ocasión a nosa colaboradora no Concello de Aranga, Elena Montero, envíanos una breve crónica na que reclama maior conciencia e compromiso cidadán co importante labor dos arquivos.

O desafío de poñer en valor un arquivo

A documentación e o seu valor na sociedade democrática non son tomados en conta pola maioría da poboación. A visión xeral sobre os documentos no arquivo municipal é a dunha morea de papeis vellos á espera de se desintegrar, ocupando un espazo necesario no concello e sen ningunha utilidade aparente.

Esta idea perdura incluso no persoal administrativo, que –en ocasións- non considera o ciclo vital dos documentos alén do peche do expediente, o que explica en parte o gran número de fotocopias de apoio na documentación a arquivar e o uso de materiais que prexudican a súa preservación.

Todo isto repercute finalmente no labor do arquiveiro/a, a quen se lle dificulta a descrición e clasificación dos documentos ao ter que priorizar a conservación. Tamén repercute no arquivo, que en ocasións remata por se converter nun verdadeiro punto de reciclaxe e almacenaxe.

En definitiva, o desafío está en concienciar a toda a cidadanía da importancia e do beneficio da conservación e difusión desta documentación, fundamentais para a defensa dos dereitos de acceso á información e á intimidade e esenciais para lograr unha sociedade democrática plena.

arquivo municipal