Rede Unayta: Fornecendo a memoria en Amoeiro
A través de distintos proxectos, a Rede Unayta está a espallar a metodoloxía da Oficina Sen Papel (OSP) por moitos concellos e entidades de toda Galicia. Desde o equipo de Unayta desexamos que as entidades coas que traballamos se sintan recoñecidas por ter depositado a súa confianza en nós. É por iso que estamos a recadar na nosa rede de colaboradores algunhas historias que poidan ilustrar o noso interese común polo servizo que estas unidades de documentación prestan á comunidade.
Nesta ocasión o noso colaborador no Concello de Amoeiro, Miguel Cutrín Mosteiro, envíanos unha crónica sobre a memoria documental da vila amoeiresa.
Fornecendo a memoria en Amoeiro
É Amoeiro un pequeno concello da comarca de Ourense, situado a poucos minutos en coche da capital auriense. Reducido en extensión e poboación, así é, pero moi grande se falamos de riqueza histórica. E é que no escaso espazo xeográfico que conforma o municipio (tan só cuarenta quilómetros cadrados) nos atopamos cunha gran variedade de patrimonio forxado a través dos séculos, dende a prehistoria ata os tempos contemporáneos, polos seus habitantes. Sen ánimo de ser exhaustivo pódese facer alusión aos petroglifos e ao legado arqueoastronómico da Idade do Ferro, ou aos restos das culturas castrexa, romana e incluso xermánica; mención especial merece a arquitectura sacra, de gran importancia no concello, co románico nutrindo a varias freguesías amoeirenses xa no século XII; e como non, na modernidade, os omnipresentes pazos e casas señoriais que salpican toda a xeografía galega, dos que non falta unha consistente colección nas parroquias de Amoeiro (famosa en toda Galicia, por exemplo, é a Casa Grande de Cimadevila de Trasalba por ter pertencido a Ramón Otero Pedrayo).
Danos pé ‘Don Ramón’ para falar doutro tipo de patrimonio que é inherente a calquera concello: o humano. Ben coñecida é a figura do sobranceiro escritor, ilustre autor de »Arredor de si» e outras novelas, obras de teatro e ensaios; pero segue nas sombras do anonimato a figura doutro persoeiro con grande peso sentimental na veciñanza de Amoeiro, trátase do seu ex-alcalde Castor Sánchez Martínez, represaliado nos albores da guerra civil dos anos trinta. O Concello de Amoeiro contou coa axuda de investigadores e asociacións culturais para recuperar e espallar, en estrito cumprimento da »Lei de Memoria Histórica», a traxectoria vital de Castor e doutros membros da súa corporación; sendo o arquivo municipal unhas das fontes de información consultadas para a obtención de datos de interese sobre os mencionados personaxes.
Así pois, os arquivos municipais gardan nas súas dependencias numerosos escritos que nos poden achegar ás tradicionais figuras destes políticos locais. Neste aspecto existen varias fontes documentais de gran importancia para observar trazos da personalidade dos alcaldes do pasado, así como feitos ou políticas levadas a cabo polas súas corporacións. Por suposto, a subsección máis importante dentro dun fondo municipal para a pesquisa de información sobre calquera rexidor é a que incumbe directamente á súa persoa, deste xeito as labores directamente adscritas á figura do gobernante quedan reflexadas nun apartado que se denomina, como non, »Alcalde». Esta subsección céntrase na súa función executiva dentro do goberno municipal e está formada por unha gran variedade de tipoloxías documentais: anuncios, bandos, decretos, edictos, resolucións, proclamas, manifestos, correspondencia … Toda acción pública queda rexistrada para a posteridade como se pode apreciar.
Por outro lado tamén destacan os expedientes e os rexistros das actas das »Sesións do Pleno», nas que se recollen as deliberacións e acordos dos membros das corporacións locais (presididas polo alcalde) sobre diversos temas da súa competencia. Nestes acordos pódese ollar a política seguida polos rexedores e os seus grupos de goberno (política que tamén se pode apreciar nítidamente nos rexistros da »Comisión Permanente de Goberno»).
Por último, e para resumir, pódese nomear aos rexistros civís que se atopan en cada consistorio. Os expedientes de nacementos, matrimonios e defuncións sempre aportan rasgos biográficos de importancia na vida de todo individuo que é sometido á investigación histórica.
Un cine rural
Levando a cabo os labores de descrición dos expedientes de obras particulares do arquivo municipal de Amoeiro, atopámonos cunha licenza infrecuente no mundo rural. Trátase do proxecto de construcción dunha sala de cine. Comeza o expediente en 1949, aínda nas tebras da posguerra, promovido por Luis Cordero López.
Foron as pequenas salas de proxección cinematográfica como a de Amoeiro, ata tempos non moi lonxanos, alicerce das ensoñacións da veciñanza das pequenas vilas e barrios urbanos. Imposible non lembrarse da inesquecible »Cinema Paradiso» de Giuseppe Tornatore ao escrutar o plano do edificio trazado por Manuel Conde Fidalgo. Proxectaríase a afamada película italiana no pequeno cine de Amoeiro? Sería poético. Non si?
Unayta en Amoeiro
Unayta axuda á posta en valor dos fondos que se custodian nas casas consistoriais dos nosos concellos. A organización e descrición destes fondos é só un primeiro paso, ao que seguen outros como a dixitalización e a difusión, para facilitar a consulta e divulgación dos documentos de interese público e histórico. Por iso, Unayta -mediante os seus técnicos- é unha ferramenta ao servizo das institucións públicas e privadas que teñen conciencia da necesidade de manter vivos e con boa saúde os seus arquivos. Neste senso, Amoeiro é un exemplo excepcional de como mediante a vontade se pode fornecer a memoria para poñela en coñecemento da cidadanía.