Un arquivo musical histórico: Coral De Ruada
A Coral De Ruada, unha das agrupacións musicais máis antigas de Galicia, ven de ordenar e catalogar a historia do seu percorrido ó longo de cen anos coa consultora tecnolóxica Unayta. Este proceso permitirá un mellor acceso e organización dos seus documentos e partituras ó mesmo tempo que espallará a súa traxectoria.
No ano 1916, grazas a iniciativa e actuación dun grupo de intelectuais galeguistas (os irmán Vilar Ponte, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas ou Florentino López Cuevillas, entre outros), xorden as Irmandades da Fala, un movemento cultural e político que demanda a galeguización plena da sociedade e que defende a identidade de Galicia coma unha nación. Polo tanto, o seu obxectivo será impulsar aqueles elementos que volven único a este país, como a cultura, a historia ou a lingua. Con este propósito, nacen un conxunto de agrupacións corais que, mediante a música, tratan de defender o idioma e de poñer en valor as tradicións galegas. Neste contexto, emerxe en Ourense a Coral De Ruada.
A súa fundación ten lugar en 1918, logo da reunión de Xavier Prado “Lameiro”, Fabriciano Iglesias Abella, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández González e Cesáreo Eire Santalla. Un frutífero contacto que se materializa en xuño de 1919 coa primeira aparición pública da Coral no salón Apolo de Ourense, resultando todo un éxito. Aquí, baixo a dirección de grandes mestres como Daniel González Rodríguez, Isolino Canal ou Manuel de Dios, comeza un intenso camiño – só interrompido pola Guerra Civil – que levará a este grupo musical por toda a xeografía galega e española, con varias xiras europeas e americanas, transmitindo coas súas verbas todo o ser galego e mantendo viva a música tradicional desta nación. Cen anos de historia, e historias, que converten a Coral De Ruada nunha das principais valedoras do pobo galego, sendo fundamental o seu labor para a supervivencia da cultura e os costumes galegos.
Esta importante actividade, a súa memoria, é recollida e custodiada polo seu xa histórico arquivo. Fotografías, cartas, partituras, discos e carteis testemuñan este percorrido; narran a realidade cultural ourensá e galega do último século. Por iso, este espazo adquire unha gran transcendencia na vida da agrupación, sendo precisa unha correcta organización, preservación e difusión da información que aquí se garda.
Esta necesidade conecta directamente con Unayta. O noso labor centrouse na ordenación e catalogación arquivística dos fondo para poder coñecer as riquezas que estes gardan, darlles o valor que estas merecen e facilitar unha sinxela recuperación por parte de calquera usuario que queira acceder ó arquivo. Este sería o paso previo do proceso da dixitalización da documentación, que aseguraría a súa preservación futura e, de igual xeito, promover o seu acceso e utilización.
Todo este traballo foi proporcionado ó arquivo musical da Coral De Ruada, labor que permitirá un mellor acceso e organización das partituras, que revalorizará a súa traxectoria musical e cultural ó longo das décadas e que recuperará e espallará a súa historia.
Nesta ocasión, a directora do proxecto foi Carmen Posse, quen lle entregou a carpeta do traballo a Samuel Lado, o presidente da Coral De Ruada.
Se estás pensando en organizar e catalogar os arquivos históricos da túa agrupación ou empresa podes contar con Unayta para realizalo.
Se tes algunha dúbida sobre este ou outros proxectos ou queres coñecer mellor a nosa actividade, non dubides en consultalo sen compromiso aquí.
Ademais, tamén podes seguirnos nas nosas redes sociais (LinkedIn, Twitter e Facebook).
Autora: Sandra Piñeiro
Se che gusta esta entrada, valóraa e compartea!