Os Arquivos das empresas familiares
Entendemos por Arquivo de Empresa toda aquela masa documental que produce unha empresa no desenvolvemento diario da súa actividade, ca finalidade de poder almacenar toda a información xerada e que esta poida ser recuperada da maneira máis rápida para o seu uso.
Historicamente, a maior parte das pequenas empresas respondían a entidades de orixe familiar, por iso podemos contar na actualidade con diferentes fondos que foron conservados por tratarse de documentos propios do Arquivo Familiar.
Co avance do modelo capitalista, moitos destes Arquivos aumentaron o seu volume e a perda desta identidade familiar complica a súa conservación definitiva. Lonxe do que poida parecer, o control sobre os Arquivos de Empresa non sempre aumenta co crecemento da empresa, xa que son moitas as que non lle dan a importancia necesaria aos seus fondos no traballo diario da institución.
O impacto das novas tecnoloxías tamén inflúe negativamente na confección destes Arquivos, pola falsa crenza de que xa basta con ter gardado nalgún lugar a documentación que xeramos, sen preocuparnos pola súa conservación nin pola súa seguridade.
Actualmente, as necesidades da xestión documental chegan dende as grandes ata as pequenas empresas, sendo crucial para ambas polos beneficios que poden aportar para diferenciarse da competencia. No caso das Empresas Familiares, estamos engadindo ao Arquivo un valor patrimonial importante, xa que a propia información creada formará parte tamén da memoria familiar.
Estes días podemos comprobar a importancia destes Arquivos de Empresa na exposición “De tendas. O comercio, emblema dunha cidade” en Santiago de Compostela, onde poderemos deleitarnos ca historia de oito establecementos representativos da cidade a través dos seus documentos e de obxectos característicos.
Grazas a este tipo de iniciativas poderemos ver como a memoria familiar acaba convertida, ao complementarse con outras, na memoria da propia cidade, aumentando iso o seu valor comercial.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!