,

Construíndo a Memoria Dixital de Galicia

Servizo de dixitalización Unayta

[no_toc]

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para a dixitalización dos fondos patrimoniais custodiados en entidades públicas e privadas sen fins de lucro dentro do proxecto de Memoria Dixital de Galicia. Esta é unha estratexia pública que aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

Memoria Dixital de Galicia: unha estratexia de innovación para o patrimonio

A Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.

O proxecto da Memoria Dixital de Galicia implica aplicar a innovación tecnolóxica actual e futura a todo o ciclo de vida da preservación do patrimonio e da xestión da actividade cultural. O emprego de técnicas de dixitalización en 2D e 3D serán esenciais para dispoñer de copias dixitais de seguridade e para a elaboración de catálogos dixitais, que favorezan a difusión e faciliten tarefas de restauración e investigación. A aplicación de solucións en mobilidade e a realidade aumentada, que combina elementos virtuais en contornas reais para achegar información ao usuario en tempo real, son outras das innovacións tecnolóxicas que contempla a estratexia. Tamén o emprego do Big Data e Linked Open Data, que permitirá o tratamento masivo de datos que xerará a Memoria Dixital para mellorar sistemas e servizos para os usuarios e a súa reutilización por parte de terceiros.

Liñas de actuación

  • A estratexia sinala a necesidade de definir un marco técnico común para todos os axentes e institucións involucrados na conservación do patrimonio, coa normativa, directrices, criterios e estándares para a dixitalización e preservación dos elementos patrimoniais.
  • En segundo lugar, está a aplicación das TIC para a catalogación, inventariado e xestión patrimonial, o que implica a dotación de infraestruturas e ferramentas tecnolóxicas así como a capacitación no seu uso.
  • A terceira liña céntrase no aproveitamento das TIC para facilitar a visibilización e a promoción do patrimonio cultural, grazas á aplicación das novas tendencias, ferramentas e dispositivos tecnolóxicos para desenvolver técnicas novas e interactivas para o acceso, a conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural.
  • En cuarto lugar, aplicarase a tecnoloxía para mellorar a accesibilidade ao patrimonio desde o punto de vista presencial e virtual. No primeiro caso, para mellorar os servizos prestados directamente en arquivos, bibliotecas, museos e calquera outra instalación que custodie os recursos patrimoniais. No segundo, incrementando e mellorando as solucións dixitais de acceso ao patrimonio, adaptándoas ao perfil e ás necesidades do usuario, desde o público en xeral a profesionais, docentes, investigadores…
  • A quinta liña, a das TIC como elemento dinamizador da produción cultural impulsa a creación de contidos dixitais culturais e a súa correspondente promoción, e por tanto, o desenvolvemento de oportunidades de desenvolvemento económico na sociedade galega.

Axudas para a dixitalización de fondos patrimoniais

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para a dixitalización dos fondos patrimoniais custodiados en entidades públicas e privadas sen fins de lucro dentro do proxecto de Memoria Dixital de Galicia.

A subvención cubre os fondos documentais en soporte papel: publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico (fotografías, gravados, carteis, debuxos), monografías, folletos e partituras. Os obxectos dixitais resultantes difundiranse en Galiciana conforme aos “Requirimentos técnicos para proxectos de dixitalización en Galicia”.

Poden acollerse a esta axuda o órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, reais academias, e as academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

A contía da axuda: o 100% do custe elixible do proxecto, cun orzamento total de investimentos subvencionables entre 10.000€ e 90.000€

O prazo para realizar as solicitudes estará aberto até o 19 de agosto.

O equipo de Unayta ponse a disposición da vosa entidade para a realización de todas as actuacións vinculadas a esta convocatoria, comezando pola xeración da memoria e presuposto do proxecto. A fin de contar con información de primeira man o venres, 20 de xullo, compartimos na Cidade da Cultura a xornada informativa aberta sobre esta liña de axudas. Esta sesión resultou de interese tamén para achegarnos á problemática dos posibles beneficiarios da primeira edición destas axudas.

Unayta ofrece servizos de dixitalización

O noso servizo de dixitalización de arquivos

En Unayta somos especialistas en xestión documental, dixitalización, organización e catalogación de fondos tanto históricos como administrativos. Temos ampla experiencia na organización e catalogación de arquivos no ámbito público e privado de toda Galicia. Traballamos coa máxima precisión e seguridade con entidades e empresas de calquera sector.

Encargámonos da totalidade do proxecto, desde a súa definición, creación de memoria técnica e posterior execución. Garantimos a calidade do servizo prestado e a execución en prazo grazas ao noso equipo de traballo especializado.

Contacte connosco para máis información.