,

Rede Unayta: historias da toponimia do Val do Dubra

Concello de Val do Dubra

[no_toc]

A través de diversos proxectos de organización documental e dixitalización, a Rede Unayta xa está a espallar a nosa metodoloxía da Oficina Sen Papel (OSP) en moitos concellos e entidades de toda Galicia. Desde o equipo de Unayta queremos que esta experiencia sexa o máis produtiva e interesante para todas as persoas que estamos a participar neste dispositivo. Como é lóxico, desexamos que as entidades nas que traballamos aprecien o noso labor, mais tamén que se sintan recoñecidas por ter depositado a súa confianza en Unayta. É por iso que estamos a recadar a colaboración das persoas que integran esta rede para compartirmos algunhas historias locais que poidan ilustrar o noso interese común polo servizo que estas unidades de documentación prestan á comunidade.

Nesta ocasión a nosa colaboradora no Concello de Val do Dubra, María Maceira Rodríguez, achéganos á localidade dubresa a través da toponimia que nos revela o seu arquivo municipal. Velaquí a súa crónica.

Historias da toponimia do Val do Dubra

O traballo que desempeñamos na organización e descrición dun arquivo municipal pode ser de grande interese, sobre todo se temos curiosidade por aspectos históricos, xeográficos, socioculturais, etc. do concello. De seguro, atoparemos documentos que nos aporten esta información, sobre todo se dispoñemos de fondos antigos, pero incluso os máis recentes nos poden ofrecer moitos datos interesantes. Precisamente, este é o caso que nos ocupa no Arquivo Municipal de Val do Dubra. Se por exemplo nos fixamos nos topónimos que aparecen nos documentos e investigamos un pouco, podemos descubrir unha importante cantidade de información sobre o concello, espertando a nosa curiosidade e impulsándonos a coñecelo mellor e tamén percorrelo.

De todos os nomes atopados, sen dúbida o máis repetido é o do propio concello, grazas ao cal xa adiviñamos como é a xeografía destas terras, un val onde a protagonista é a auga, polo río Dubra (cuxo significado é precisamente corrente de auga), pero tamén polo seu pai, o Tambre, ou por outros regatos, mananciais, etc… aos que aluden outros topónimos como O Campo do Río, Rial, Rieiro, Arnexo ou Nariño (todos con significados relativos á auga). Pero se queremos observar todo o val cos seus ríos e regatos, o mellor é facelo dende as alturas, como en O Picoto (cota máis alta do concello), O Outeiro ou Arabexo (lugar alto e chan).

Ao mellor o que nos interesa é coñecer a historia do concello, e sobre esta tamén nos dan pistas os topónimos atopados: dende ben antigo temos habitantes, como os castrexos en O Castrillón ou O Castro; tamén se asentaron os suevos, como indican os numerosos nomes de orixe xermánica (Buxán, Gontar, Novexilde ou Xemil). Parece que estas paraxes tamén foron importantes lugares de paso, como o suxiren nomes referidos a vías como a Brea (orixe romana) ou pontes e pasos moi antigos como Portomouro, e así mesmo, Portomeiro (paso grande), O Porto ou Coucieiro.

Sen dúbida, os caminantes daqueles tempos antigos terían que coidarse dos lobos, que segundo parece tamén andaban por aquí, aínda que non lles gustara moito ir por O Foxo, onde máis dun puido morrer. Quizáis, se poideran, lles gustara máis ir por O Campo dos Cochos. Pero todo camiñante precisa dun descanso, e para iso poderían ir ata A Pousada, mellor que a Algaria (lugar ruidoso), ou pasar por Bembibre, (onde está a Casa do Concello), “lugar do ben vivir”, segundo algúns (ou fortaleza ao lado dun río para outros).

Para rematar (aínda que moito máis se podería escribir sobre o tema), outros descubrimentos curiosos: aquí podemos visitar lugares como A Graciosa, Cantalarrana, A Canteira do Inferniño ou A Mexerica; e incluso se queremos podemos visitar nunha mesma xornada e sen saír do concello, Padrón, Vilalba, Carral ou A Coruña, coñecidas vilas e cidade, cuxos nomes atopamos repetidos casualmente nestas terras.

Sen dúbida, xa se nos espertou un pouco a curiosidade por estas paraxes, que iremos coñecendo e visitando nos próximos días, pero antes, seguiremos buceando nos fondos do arquivo e vendo que máis nos queda por descubrir.